A historia do deseño urbano do núcleo de Bueu está profundamente condicionada pola súa relación co mar, coa súa enseada e coa súa praia; a Praia de Bueu. O que un día foi un amplo areal, entre a Pescadoira e O Penedo, converteuse co tempo no escenario principal do crecemento da vila. Esta investigación documenta ese proceso de transformación territorial, desde os primeiros asentamentos situados a media ladeira —pensados para combinar refuxio e acceso ás terras fértiles do val de Bueu— ata a consolidación dun núcleo mariñeiro e industrial no que o litoral adquiriu centralidade como espazo produtivo e fronteira de intercambio. As profundas transformacións do bordo litoral, a modificación dos cursos fluviais e o desenvolvemento da industria conserveira acompañaron o tránsito dunha paisaxe agraria a unha vila mariñeira en expansión, como demostra o Plano de Poboación e Ensanche de Bueu de 1926. Este libro ofrece, así, unha viaxe pola historia urbana de Bueu, explicando como a interacción entre mar, terra e comunidade configurou, ao longo do tempo, unha vila cuxa formación é inseparable da súa identidade mariñeira no contexto das Rías Baixas.
Title
A Praia de Bueu. Historia Urbana.
Year
2025
Publisher
Universidade de Santiago de Compostela- IDEGA
Link